ORIXES

Despois de traballar en varios centros públicos e privados no estranxeiro e en España, Lucía Rego, directora de Fun Forest, decatouse dos problemas que están detrás do baixo nivel de inglés que se adquire no sistema educativo do noso país a pesar de que está presente durante tódolos anos do mesmo. Foi por isto que no ano 2015 decidiu poñer en marcha en Pontevedra un proxecto baseado nunha nova forma de ensinar inglés: unha escola que tivese en conta as individualidades de cada alumna/o, baseándose nunha pedagoxía respetuosa coas peques, e rompendo coa ensinanza de inglés tradicional que se limita a ensinar vocabulario e gramática.
Despois do primeiro ano de vida da escola, tras formarse en Pedagoxía Montessori con Sara Pena (Guía Montessori titulada pola Association Montessori Internationale), decidiu implementar os principios básicos desta pedagoxía na metodoloxía que empregaba na escola. Desde entón, en Fun Forest traballamos nun ambiente preparado no que reina a calma, o respecto e a atención no proceso de aprendizaxe. Ademáis de ensinar a lingua, traballamos os distintos aspectos que conforman a personalidade das/os nenas, ensinándolles educación emocional, autonomía, límites, e valores como a empatía ou o respecto polos animais e a natureza.

INSTALACIÓNS

A nosa escola atópase na Rúa Pastor Díaz, 1en pleno centro de Pontevedra a escasos metros da Praza da Peregrina (ao final da rúa Oliva). Trátase dun espazo moi amplo, moi luminoso, que conta con enormes ventás que dan a varias rúas: Pastor Díaz, Marqués de Riestra, Rúa Oliva e á Praza San Xosé.  É un espazo deseñado especialmente para as/os nenas e nenos, planificado ao detalle, con mobles adaptados ao seu tamaño dependendo das idades, o que lles proporciona liberdade nun ambiente que fomenta a aprendizaxe e os motiva. Contamos con varias aulas que nos permiten ter en funcionamento distintos grupos de forma simultánea, o que posibilita que as/os irmáns poidan vir á mesma hora.